Xestión de proxectos e Programación, os contidos formativos máis demandados polos socios

Óscar Santos Rodríguez,

Xestión de proxectos e Programación, os contidos formativos máis demandados polos socios


O grupo de Traballo de Formación rematou a elaboración da enquisa de necesidades formativas, tendo aprobado as conclusións do traballo na súa reunión correspondente ao mes de marzo.

Ao cuestionario, que foi enviado a todas as empresas e entidades membros do Cluster, responderon o 24,27% dos consultados. Como principal conclusión, pódese sinalar que as necesidades de formación máis demandadas son as relacionadas coa Xestión de proxectos e coa Programación. O primeiro contido é sinalado polo 80% dos consultados, mentres que o segundo é solicitado polo 76%.

Tras Xestión de Proxectos e Formación, os seguintes contidos con maior demanda son Networking, solicitado por un 60% dos socios, Habilidades directivas (56%), Bases de datos (48%), Idiomas (36%), Modelos de calidade (32%), Ofimática (16%), Infografía audiovisual (12%) e CAD e modelado 3D (8%).

Verbo da modalidade da formación, o 60% dos socios confirman o seu interese polos cursos que se desenvolven on-line. Non moi inferior (52%) é a proporción de empresas e entidades dispostas a sumarse a cursos presenciais e a accións formativas de carácter mixto (48%).
En canto a formatos, os cursos de especialización son os preferidos para seis de cada dez socios do Cluster, mentres que o 24% se inclina polos seminarios e o 16% restante, polas xornadas formativas.

Sobre as datas para a celebración das accións que teñan carácter presencial, a maioría prefire que sexa polas tardes, de luns a venres.

As conclusións desta sondaxe serán a base para a elaboración do próximo plan de formación do Cluster.

Comentarios


Para comentar, por favor inicia sesión ou crea unha conta
Modify cookies